-Unha exposición documental repasa a historia da cidade(20070317)
Publicado por riveira en Marzo 20, 2007
La Voz.- A traxectoria da centenaria Ribeira
Xunto a mapas, actas e publicacións antigas, inclúese unha montaxe audiovisual da evolución da localidade desde 1964.
Para conmemorar o centenario da concesión a Ribeira do título de cidade por parte do rei Alfonso XIII, o arquiveiro municipal, José Antonio Otero Sobrido, suxeriu á comisión encargada da organización dos actos para lembrar esa efeméride a montaxe dunha exposición cunha escolma de documentos sobre os últimos cen anos da localidade, ordenados de forma cronolóxica. É a primeira vez que patrimonio documental municipal sae á rúa.
O autor da exposición recoñeceu que non seguiu unha metodoloxía científica, nin responde a uns contidos concretos, senón que se detén nos acontecementos anecdóticos para que os veciños se recoñezan no que se amosa. Esta iniciativa, que completa outras exposicións e libros editados no marco do centenario de Ribeira, pretende espertar a curiosidade e incentivar a investigación sobre a historia da cidade.
Nun dos catro eixos da colección inclúese unha montaxe audiovisual sobre Santa Uxía entre os anos 1964 e 2004. No material que se pode ver nesta última parte preséntase unha evolución sobre o crecemento da cidade desde o punto de vista do urbanismo e da paisaxe a través dunha viaxe aérea. Segundo Otero Sobrido, pode apreciarse a transformación de barrios ou edificios e o desenrolo en tamaño de Ribeira, onde o mar xogou un importante papel como axente económico e social.
Formas de goberno
Na cronoloxía comparada se expoñen algúns acontecementos da cidade relacionados con outros que no resto de Galicia, España e no estranxeiro. Os feitos están organizados segundo as distintas formas de goberno que houbo en España ao longo do século XX: o reinado de Alfonso XIII e a Restauración, a ditadura de Primo de Rivera, a Segunda República, a Guerra Civil, a ditadura de Franco e a transición e a democracia.
Entre os planos antigos sobresaen as reproducións de orixinais custodiados no Arquivo do Reino de Galicia, onde se amosa a representación cartográfica de Ribeira en relación coa provincia da Coruña e Galicia. O máis antigo é un mapa de 1862, no que se pode ver a configuración dos barrios da localidade. Nos outros, todos eles anteriores a 1906, pode verse a importancia que tiña a cidade pola súa situación xeográfica -nalgún deles non aparece o nome de Ribeira- en relación con outras vilas da bisbarra ou bañadas pola ría.
Do arquivo municipal se expoñen documentos de importancia desigual. Do mesmo xeito que nunha vitrina se pode ver o expediente da concesión do título de cidade, tamén se exhiben os programas das festas da década dos 50. Tamén chaman a atención os manuscritos feitos cunha fermosa caligrafía e os mecanografados, as tintas empregadas e tamén os selos estampados e outros.